A práctica artística de Pablo Quesada configúrase como unha investigación sensible arredor das tensións que xorden do espazo e dos condicionantes que o configuran. A través de intervencións formais de carácter orgánico, o seu traballo explora as intencións da materia e os procesos mediante os cales esta se constitúe ao integrarse en estruturas espaciais determinadas. O material preséntase como rexistro dunha experiencia vinculada ao íntimo, onde os escenarios vitais se entenden como unha sucesión de decisións, estados previos e premisas que, para materializarse, implican necesariamente a exclusión doutras posibilidades. Dende a fricción entre o orgánico e o sistémico, entre o construído e o potencial, Quesada xera unha tensión produtiva que cuestiona a aparente estabilidade do contorno e pon en evidencia os fráxiles alicerces da realidade.
Pablo Quesada (Valencia, 2001) é graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València, institución na que previamente cursou estudos na Escola Técnica Superior de Arquitectura (2019–2022). Realizou parte da súa formación na Universidade Complutense de Madrid grazas a unha bolsa SICUE. Entre as súas exposicións individuais recentes destacan Como atraer a luz e deixala dentro coa colaboración do Colectivo ConTRoL e comisariada por Pedro Huidobro, na Galería NÉBOA (Lugo, 2026), Tramas, comisariada por Víctor Zarza no MUVIM – Museu Valencià de la Il·lustració i de la Modernitat (Valencia, 2025), e El tiempo es lo que impide que todo suceda a la vez, en GE53 (Valencia, 2025).
En 2025 participou en diversas exposicións colectivas en contextos nacionais e internacionais, entre elas La libertad era moverse (GE53, Valencia), Adentro / Afuera V (Galería El Chico, Madrid) e Freedom was Changing (A-LAB, Ámsterdam). O seu traballo amosouse tamén en espazos de Madrid como Provisional 23 (Alterable como un sueño frente al miedo) e OB Contemporary (Lo que fue, lo que persiste, lo que transcurre), así como en proxectos desenvolvidos na Cidade de México (Art Space San Ángel, xunto ao Colectivo Cuerda). Na Comunidade Valenciana, participou en iniciativas como Coach Surfing (Espiral x Pluto, Valencia) e Bramar (Fundación Mutua Levante, Alcoy).
Foi seleccionado na III edición da convocatoria SAVIA (2026) da galería Artnueve (Murcia) e distinguido co Premio de Adquisición da Colección Diez y 7 na feira SWAB Barcelona (2025). Así mesmo, participou en diversas residencias artísticas, entre elas P.O.M. no Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque (Madrid), no marco do colectivo SujetoHabitante, así como en Planisferio de Bienes (Daroca de Rioja).
De maneira paralela á súa práctica artística, desenvolve labores de xestión e activación de espazos expositivos independentes en Valencia, como GE53 e Espiral x Pluto, dende unha perspectiva vencellada á produción contemporánea e a modelos de traballo autoxestionados.
