Non hai dúas sen tres é a primeira exposición en Lugo da compostelá Carlota Pereiro, quen inaugura a galería NÉBOA cunha mostra en torno á tríade. A concepción desta exposición xurdiu nun momento preciso cando a artista observou unha das súas obras recentes e percibiu a existencia dun mundo tríptico, unha realidade arcana organizada arredor do número tres. Para os pitagóricos, a tríade simboliza a harmonía universal, ao combinar unidade con diversidade. Ademais, é un número sagrado, pois é o primeiro con inicio, medio e fin. É un número primo e o primeiro capicúa en calquera sistema de numeración posicional. Así mesmo, o tres é o número da divindade e aparece frecuentemente en mitoloxías de todo o mundo.
Que se pode dicir do número tres nas obras artísticas, desde a literatura e o cine ata a pintura? Moitas están organizadas en triloxías, e outras incorporan esta cifra nos seus títulos. A regra do tres domina en lemas e eslogans: Liberté, égalité, fraternité. De feito, en latín existe a expresión omne trium perfectum, traducida como “todo o que vén en grupos de tres é perfecto”. Este patrón de tres elementos achega brevidade, facilidade de lembranza e ritmo. Introdución, nó e desenlace. Mesmo ditos populares conteñen o número tres. Corre, vai e dillo, na súa versión xenuína. Tres, tres, tres... María, Xesús e Xosé; os tres elementos do átomo; os tres Reis Magos; as tres gracias; o trisquel; pasado, presente e futuro; pensamento, palabra e acción; sexo, drogas e rock and roll; sangue, suor e bágoas... Non hai dúas sen tres… O inventario infinito que alimenta o noso imaxinario colectivo, onde se persegue o equilibrio.
A tríade, esa máxica conxunción que latexa no interior da artista, expándese e móstrase no seu equilibrio particular, ao materializarse en cor, forma e volume para encher o espazo. A obra inunda o marco de tres paredes silenciosas a base de fragmentos tomados de forma espontánea, visceral e sen organización premeditada, nun conxunto onde o todo, como suma das partes, intenta transmitir a alegría da súa percepción do mundo e facer do gozo a esencia final do seu ARTE.