“Digo lugar e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”.
A obra de Sabela Eiriz é unha invitación á contemplación, deterse ante unha imaxe e mirala, pensala, como quen observa unha paisaxe e aproveita ese momento de calma para reflexionar. Para ela, a potencia da fotografía non radica só na estética, senón na capacidade que ten de suxerir e dar forma as súas ideas. As imaxes de Sabela Eiriz adoitan ter varias capas de lectura e destilan unha atmosfera íntima e evocativa. Unha linguaxe que complementa ás veces con textos breves e que nalgunhas ocasións supoñen o punto de partida.