Nunca me gustou correr, pero hai unha sensación que me gustaría recuperar, sen a necesidade de ter que volver facelo. Ese instante no que un sabor metálico inunda por completo a boca. Sempre me gustou ese sabor. Cando isto ocorre, o corpo tamén tenta regular a súa propia temperatura, a superficie cutánea imprégnase dun líquido salgado. Aos poucos a suor comeza a evaporarse e a pel arrefríase. “A sweaty dispersal into the fog”. A auga dun estanque tamén se evapora e as plantas tamén transpiran.
Andrea contábame como sentía correr pola ría e como un día percibiu que unha luz asolagábao todo, a auga escintilaba e o seu corpo quedaba paralizado. Nunca corrín ao longo dunha ría, pero si sei que é o lugar onde o mar inunda un val. Pódome imaxinar o sabor desa auga que empeza a ser salgada e como a súa evaporación fai que o ambiente se sinta máis salgado. Creo que o traballo de Andrea existe nese lugar e nese momento, no que ela deixa de correr, no que o alento seca e a suor disípase nesa néboa salgada.
Cando deixa de correr, imaxínome que se adentra no comezo da ría, no final do río, e leva consigo decenas de tubos portaplanos, pero os seus son de aceiro inoxidable e fibra de vidro. Aí garda as fotografías que captura, cadeas de bólas, e sempre recolle un pouco desa auga salgada que só ela sabe como catalizar. O pelo de Andrea nunca está seco. Na cinturilla do seu pantalón leva enganchadas pinzas de plástico de diferentes cores, esperando a que, como un ramo de San Xoán, o seu cabelo por fin seque.
Nuria López Blanco
Comisaria