Cando a paisaxe se fixo verba
Christian Villamide
04 Abril / 31 Maio 2025

A arte como soporte para o cuestionamento. A paisaxe como construción cultural, como terreo simbólico no que configuramos a nosa maneira de estar no mundo. O natural, hoxe espazo para o conflito e a barbarie. A materia e o material como campo de batalla. Existe algunha esperanza para rachar co desapego? Perdura algunha posibilidade de suturar a ferida? Aínda podemos accionar dende a fenda, que cada vez máis dilata a distancia que se interpón entre nós e a natureza que acubillou a nosa orixe? Sometémola, baixo formigón e pseudointelectualidade. Unha e outra vez, con pegada irreversible. 

Progresamos (ou non) baixo a forma da indiferencia, perdendo a curiosidade primixenia por descubrir e sentir, pavimentando sendas para que o capitalismo voraz sexa dono e señor do “imperio do primeiro mundo”, dunha sociedade cada vez máis egoísta, adormecida e, en boa medida narcisista, preocupada só por manter(se) parte ou preto do poder. Pero, que é o poder? O poder preséntase hoxe como a fin de todas as selvas, como o exterminio do natural. Como o último poema. O poder é a morte que temos por diante. 

A obra de Christian Villamide (Lugo, 1966) sempre é unha chamada á reflexión, unha vindicación para espertar a emoción ante a barbarie, na procura dunha volta á contemplación, á valoración da natureza e da contorna, á convivencia dende o respecto. Dende a memoria dos materiais e a pegada do tempo sobre estes, o artista constrúe pequenos artefactos que nos interpelan, que nos remiten a novas realidades posibles, que nos fan reflexionar sobre o modo en que habitamos o territorio. Paisaxes de-construídas ou (re)construídas se alzan ante nós, a partir de materiais atopados, refugallos industriais ou retallos orgánicos, desvelando novos relatos a través de pequenos simulacros, experiencias estéticas, que xogan entre a linguaxe, o concepto e a evocación. Pode unha sombra debuxar unha montaña? É posible avistar novos horizontes ensamblando coidadosamente anacos de madeira, pedra e cemento? Pode emerxer a vida, encofrada entre lindes de formigón e asfalto?

“Cando a paisaxe se fixo verba” é unha toma de conciencia cara a resignificación do termo paisaxe, superando a contemplación romántica de artistas e viaxeiros ante a inmensidade da natureza, na procura sempre do sublime, para adentrarse agora nunha nova interpretación, cun carácter complexo, múltiple e variable. Onde no "pasado" discorrían os montes, as chairas e os ríos, "onte" foron o cultivo, a conquista e a civilización ós que asentaron os alicerces da verba "paisaxe", no seo da acción de construír as novas sociedades contemporáneas. Así, "paisaxe" é un termo cultural, é a natureza racionalizada, pensada e conceptualizada, sendo o resultado da interacción no tempo das persoas e o medio natural. A súa expresión é hoxe un territorio percibido e valorado polas súas cualidades culturais, produto dun proceso e soporte da identidade dunha comunidade. Somos paisaxe. Cada vez máis. Malia que tamén somos natureza, aínda que cada vez menos.

Christian Villamide pon en valor aquilo que tamén é paisaxe, rescatando da ocultación e do velado a “maleza”, esa natureza mínima que agroma ante a adversidade. Semella fráxil, máis sobrevive ante o conflito e a especulación, ignorando un mundo sobrevido de pobreza e destrución enerxética e ecolóxica. O orgánico e o natural vese encofrado, tensionado, lapidado, soportando sobre a súa corporeidade toda a presión e a hostilidade do artificial, do industrial, do intelectual. O peso e a lacra do pseudo-progreso. O artista presenta paisaxes acotadas (e afogadas), unha sorte de paraísos prefabricados na procura do mellor ornamento das novas cidades, etiquetadas como sustentables, nun alarde de supremacía e superioridade moral dun capitalismo patriarcal salvaxe. 

Pero non se confía plenamente ao desalento e á desesperanza. O traballo de Villamide sitúase (e sitúanos) sempre nunha investigación e nun escudriñamento continuo, perseguindo a beleza e rastreando a evocación en cada trazado, en cada xesto. Nesa construción cultural da paisaxe, nesa articulación das imaxes mentais, esa natureza pensada e reflexionada articúlase linguaxe. As liñas que debuxan o horizonte connotan verbas, frases, expresións. É a contemplación, á que o artista insiste en volver como último salvoconducto para a supervivencia do ser humano, a que fai emerxer as palabras e o pensamento crítico. Pensámonos na paisaxe, reflexionámonos nesas reverberacións da natureza perdida, nesa contorna primixenia que vemos esmorecer hoxe nas nosas sociedades anestesiadas. Só esa necesidade emocional de seguir formando parte dela pode ser a súa salvagarda. En definitiva, tamén a nosa salvagarda.

Christian Villamide afonda nesta mostra na cruel distancia co natural. Visibiliza esa fenda, cada vez máis insalvable, que me fai lembrar esa magnífica intervención de Doris Salcedo na Tate Modern realizada en 2007: “Shibboleth”. Esa profunda greta de 167 metros que simbolizaba o gran burato que existe entre a humanidade e a falta de humanidade, hoxe cobraría novos significados, zumegando os actuais conflitos bélicos (inimaxinables fai máis dunha década), as reiteradas vulneracións dos dereitos humanos, o maltrato aos fluxos migratorios, a devastación dos bosques e das selvas, a explotación salvaxe dos recursos naturais, o negacionismo ante o cambio climático e un longo etcétera que debuxa un presente e un futuro (se aínda existe) profundamente desolador. As pezas escultóricas de Villamide rescatan refugallos para tratar de esbozar posibles futuros utópicos, novas paisaxes reflexivas, agardando algunha reacción da especie humana. O escombro se descontextualiza para dignificar materiais e volverse verba, poesía e reflexión. As cartografías e os planos transfórmanse en espazos de exploración, evidenciando a intervención e a planificación premeditada para o sometemento humano, nesa procura de racionalizar os espazos naturais, de aplicar lindes e barreiras, de conter e dirixir o crecemento. Villamide visibiliza así as malas praxes das sociedades contemporáneas, clamando unha volta urxente á reflexión e ao sentido común, ao respecto, nun acto necesario para reconducir a palabra e o pensamento cara o rescate do natural.

Pode ser a última oportunidade, para mudar a nosa forma de habitar o mundo e para reivindicarnos parte del, antes da fin de todas as selvas. 



Paula Cabaleiro

Comisaria